Constantin Cavafis (ou Konstantinos Kavafis) é un poeta transcendental no tránsito do século XIX ao século XX. A poesía que nos legou, un número reducido de textos de non máis de 160 poemas, transmite lembranzas da historia e a cultura do mundo helenístico e do imperio bizantino, cun ton decadentista que parte dunhas referencias culturais afastadas das referencias do mundo occidental. Ademais, destaca nos seus poemas a exaltación da xuventude, asociada á beleza, á sensualidade e ao goce dos praceres, que o poeta lembra con nostalxia desde a madurez.
Rainer María Rilke, poeta de fala alemá nacido en Praga, cultivou unha poesía reflexiva e de alto contido simbólico. É unha poesía fortemente introspectiva e austera, dun ton case místico e que reflexiona con profundidade sobre os grandes temas da vida e a morte.
Emily Dickinson foi unha poeta americana que levou unha vida misteriosa, recluída na súa residencia e con contacto con moi poucas persoas. A súa poesía foi descuberta e publicada despois da súa morte e nela chama a atención a súa brevidade e a transgresión dalgunhas convencións ortográficas e expresivas. Os poemas de Dickinson relicten o paso do tempo a través do transcurso dos ciclos da natureza e a presenza da morte é habitual neles.
William Butler Yeats foi un autor irlandés que conseguiu moita sona en vida, chegando a ser galardoado co Premio Nobel de literatura en 1923. Simpatizou co nacionalismo irlandés e co proceso de independencia de Irlanda, o que o levou a interesarse polo pasado mitolóxico celta. A súa poesía, influída polo simbolismo, posúe gran sinxeleza formal e capacidade evocadora.
Comentarios
Publicar un comentario