Teatro e épica clásica

O teatro clásico sempre está de actualidade. As comedias e traxedias da antigüidade seguen tendo plena vixencia e existen festivais de teatro clásico que son éxitos constantes de público, como o Festival de Teatro Clásico de Mérida. Iso por non falar das adaptacións cinematográficas de obras teatrais clásicas, que seguen sendo relativamente frecuentes.
Aquí vos mostramos fragmentos de dúas coñecidas obras clásicas en representacións recentes: Lisístrata de Aristófanes e Antígona de Sófocles.




Pero a pegada da traxedia e da épica clásicas non só se aprecia no número de representacións que se seguen levando a cabo de obras clásicas. Toda a cultura occidental integrou elementos da traxedia clásica, mesmo a cultura popular. Para comprobalo, escoitade ben o seguinte tema, o arquicoñecido "Pedro Navaja", do cantautor nicaraguano Rubén Blades. A pouco que vos fixedes ides comprobar que a historia que narra a canción é unha auténtica traxedia de alento clásico. Un reto: anotade polo menos tres características que lembren a traxedia grega.


No cine, as influencias da traxedia e a épica son innumerables. Hoxe déixovos un pequeno fragmento dunha película de culto: The Warriors (1979), de Walter Hill. O que semella unha historia de bandas xuvenís nas rúas de New York agocha unha estrutura que reproduce o retorno á casa da expedición militar dos Dez Mil sobre Persia narrada na Anábase de Xenofonte. Os pandilleiros van sorteando os perigos, o que remite tamén a Homero, tal e como unha Odisea dos anos 70. Atópanse numerosos detalles intencionadamente homéricos: os pandilleiros son guerreiros (mesmo un deles se chama Áiax), o líder demostra forza e intelixencia para guialos de regreso, van fuxindo nun contorno hostil e misterioso...


Comentarios