Poe

A figura de Edgar Allan Poe (1809-1849) é unha das máis fascinantes da literatura universal. Hoxe seguen suscitando múltiples interpretacións os seus textos, a súa biografía e, tamén, a súa misteriosa morte.
Poe foi unha persoa de vida desgraciada: naceu en Boston, fillo de dous actores e quedou orfo con só dous anos de idade, polo que se fixo cargo del o comerciante adiñeirado John Allan, co que sempre tivo unha relación difícil. Foi expulsado da universidade pola súa afección ao xogo e á bebida e desempeñou diversos oficios, mesmo alistándose no exército un tempo. En 1936 casou cunha curmá súa de só catorce anos e estableceuse en Baltimore. O matrimonio viviu en New York e Filadelfia, sempre con apuros económicos que o traballo de xornalista de Poe non podían remediar. A súa dona Virxinia morre en 1847 e pouco despois o escritor establécese en Richmond e comeza relacións cunha adiñeirada viúva coa que pensa casar. Pero cando viaxa de Richmond a New York para cobrar uns traballos fai unha parada en Baltimore.
As horas que Poe pasa en Baltimore antes de morrer son un misterio. O escritor é atopado desorientado e en estado semi-inconsciente, vestido ademais cunhas roupas que non son súas. É ingresado no hospital e falece. Hai moitas interpretacións sobre a súa morte: suicidio, enfermidade grave non declarada, intoxicación de alcohol e drogas... O máis probable é que fose vítima dunha práctica coñecida como "cooping" e que explicaría o feito de que aparecese con outras roupas: tería sido captado por grupos que manipulaban o voto emborrachando a persoas sen fogar e obrigándoas a votar varias veces vestidos de distintas maneiras (Baltimore celebraba eleccións ese día). Nada hai de seguro. No seguinte documental podedes coñecer a biografía do autor.



Poe converteuse nun icono de escritor maldito e de figura literaria. A súa obra inspirou os poetas simbolistas do fin do século XIX, comezando por Baudelaire. Este autor traduciu as súas obras ao francés e deuno a coñecer en Europa.
Os seus relatos deron orixe a toda unha serie de filmes de culto, rodados polo director Roger Corman na década de 1960. O seguinte fragmento pertence á película O pozo e o péndulo (1961), baseada nun relato que se ambienta na España do século de ouro e na actuación da Inquisición.



Poe foi o auténtico mestre da literatura de terror e un dos creadores do conto literario moderno. Pero tamén destacou como poeta. O famosísimo poema "The Raven" deu orixe a interpretacións diversas, recitados das voces máis persoais, películas e, mesmo, discos de rock. Neste audio achegamos o recitado do poema na voz de Lou Reed (1942-2013), artista que dedicou a Poe o seu último grande disco, chamado precisamente The Raven (2003).


Comentarios