O teatro realista e naturalista

O Realismo foi a grande época da novela, mais houbo outro xénero literario que sufriu unha forte evolución baixo os presupostos da arte realista e adquiriu a súa configuración moderna nesta época: o teatro.
O realismo acabará cos excesos do teatro romántico e mostra unha realidade cotiá, na que retrata a clase burguesa con gran obxectividade. As obras realistas carecen da ampulosa escenografía e da forza declamativa do drama romántico: agora móstranse escenas de interior onde se desenvolve a psicoloxía dos personaxes e se mostran as súas complexas relacións sociais.

Henrik Ibsen é o autor que impulsa definitivamente o teatro realista. A súa obra máis coñecida é Casa de bonecas, na que a súa protagonista, Nora, se ergue como unha das personaxes máis poderosas e influentes do teatro contemporáneo.



No seguinte vídeo podemos ver un avance da montaxe que o Centro Dramático Nacional español fixo doutra obra de Ibsen, Hedda Gabler. Esta obra considérase unha anticipación do teatro simbolista.



August Stringberg é outro grande dramaturgo da época e está considerado o principal representante do teatro naturalista. Este autor sueco, de complexa personalidade, é un dos precursores da dramaturxia moderna e entre os seus dramas destaca a obra A señorita Xulia, onde aborda de xeito maxistral as relacións humanas e os prexuízos de clase. O seguinte fragmento da obra está protagonizado por María Adánez e dirixido por Miguel Narros.



Anton Chékhov foi un dos grandes nomes do teatro e da prosa realista. As súas obras teatrais caracterízanse pola denominada "acción indirecta": o relevante non sempre é explicado en escena, senón que se deduce dos diálogos e da actuación dos actores. Chékhov destacara, antes de chegar ao mundo do teatro, como mestre do relato. A película Oci Ciornie (Ollos negros, 1987), de Nikita Mikhalkov, adapta o seu conto "A dama do canciño".



As pezas de Chékhov renovaron o teatro e serviron para afianzar o método Stanislavski, que debe o seu nome a Constantin Stanislavski, e que consistía en dar predominio á naturalidade da interpretación do actor ou actriz, que debe asumir o papel como se fose real. Este método foi posto en práctica en EE. UU na segunda metade do século XX, na famosa escola Actors Studio, onde se formaron moitos e moitas grandes intérpretes do cine americano. O Tío Vania é unha das obras máis recoñecidas de Chékhov

Comentarios