A adaptación de grandes obras literarias ao cine é un fenómeno usual desde hai tempo. Os autores norteamericanos coñecidos como Lost Generation foron dos primeiros en ser adaptados á pantalla dun xeito habitual, coa excepción, quizais, de William Faulkner. As obras deste autor, seguramente pola súa complexidade, apenas foron levadas ao cine; aínda así, nos anos 50, o director Martin Ritt rodou O longo e cálido verán (1958), que adapta libremente varios fragmentos de obras de Faulkner e reproduce o ambiente asfixiante das relacións humanas no profundo Sur estadounidense.
Francis S. Fitzgerald, ademais de traballar en Hollywood como guionista nunha breve etapa, foi un autor con varias adaptacións cinematográficas das súas obras, sobre todo as que se fixeron da súa máis famosa novela, O gran Gatsby. Recentemente rodouse unha versión protagonizada por Leonardo Di Caprio, aínda que aquí vos poñemos un fragmento da clásica versión protagonizada por Robert Redford en 1974.
Ernest Hemingway foi un dos autores máis levados ao cinema. O predominio da narración obxectiva nas súas obras, a axilidade dos diálogos e a sinxeleza das tramas favoreceron o traslado das súas novelas á grande pantalla. Case todas as súas obras foron obxecto de adaptación cinematográfica: To have and not to have, A farewell to arms, From whom the bell tolls... Aquí enlazamos un fragmento desta última na exitosa versión dirixida por Sam Wood en 1943 e protagonizada por Gary Cooper e Ingrid Bergman.
John Steinbeck foi tamén moi adaptado ao cinema, pero destacan dúas grandes películas sobre obras súas: Al este del Edén de Elia Kazan (protagonizada por James Dean) e As uvas da ira, mítico filme de John Ford. Nesta obra, e na súa correspondente película, cóntase a historia dunha familia pobre de Oklahoma, que debe emigrar a California nos duros tempos da Gran Depresión. Móstrase de xeito crítico a indefensión dos traballadores e a explotación e asoballamento que padecen.
O personaxe protagonista de As uvas da ira, Tom Joad, converteuse nun símbolo da clase traballadora estadounidense e a súa figura é unha referencia en obras e cancións como esta de Bruce Springsteen, The ghost of Tom Joad.
Pero o ambiente en que se desenvolveron os autores e autoras da Xeración Perdida tamén se plasmou noutras películas, como en Midnight in Paris (2011), de Woody Allen, onde aparecen como personaxes Ernest Hemingway e Gertrude Stein.
Comentarios
Publicar un comentario