O cinema foi unha das expresións estéticas das principais correntes vangardistas. O cine consolidouse como arte e espectáculo a comezos do século XX e os movementos de vangarda foron contemporáneos deste feito e souberon ver as posibilidades da nova arte que acababa de xurdir.
O vangardismo ruso maniféstase nos filmes de Sergei M. Eisenstein, moi influído polos ideais da Revolución Rusa. O acoirazado Potemkim (1925) narra os sucesos da Revolución de outubro de 1905 e está considerada unha das mellores películas da historia do cine, ademais dunha obra clave para o desenvolvemento desta arte. No vídeo podemos ver famosa escena da escaleira de Odesa.
Un chien andalou (1929) e L' âge d'or (1930) son os filmes surrealistas que xurdiron da colaboración entre Luis Buñuel e Salvador Dalí. O surrealismo maniféstase no carácter onírico e aparentemente incoherente das escenas que compoñen os filmes, que hai que interpretar desde o punto de vista provocador e antiburgués propio das vangardas.
O expresionismo foi quizais a corrente vangardista que máis se mostrou no cine, especialmente no cinema alemán. As películas expresionistas mostran de xeito agresivo a realidade, con planos oblicuos e liñas que se cortan e debuxan estrañas perspectivas. O cine de terror foi un axeitado vehículo para a estética expresionista: O Golem (1920), de Paul Wegener, está baseado nunha lenda xudía sobre un xigante que cobra vida.
Nosferatu (1922) de F. W. Murnau é unha película baseada no Drácula de Bram Stoker, que crea toda unha iconografía sobre o tema do vampirismo.
O Gabinete do Doutor Caligari (1920), de Robert Wiene, é o paradigma de estética expresionista, nunha escura historia dun doutor que emprega un somnámbulo para cometer asasinatos.
Fritz Lang, o mestre do cinema clásico, rodou antes de trasladarse a Estados Unidos, a que posiblemente sexa a máis importante película expresionista: Metrópolis (1927). Esta cinta é pioneira no eido da ciencia ficción ao presentar un futuro distópico protagonizado por obreiros e robots.
Comentarios
Publicar un comentario