Don Xoán

O mito do Don Xoán (o Don Juan de orixe no Século de ouro da literatura española) é un dos motivos literarios que se repiten e son tratados en distintas épocas, por autores diversos e a través de diferentes manifestacións artísticas.

A orixe está en El burlador de Sevilla, de Tirso de Molina. Esta obra, estreada en 1616 e publicada cara a 1630, crea a figura do sedutor sen escrúpulos que centra a súa vida en conseguir mulleres sen deterse ante nada, pasando pola blasfemia e o crime. Hai que indicar que esta obra está atribuída a Tirso, aínda que existen dúbidas sobre se foi realmente o seu autor.

Don Xoán e a estatua do comendador (1835). Alexandre-Évariste Fragonard

 A figura do burlador converteuse nun estereotipo que foi retomado en épocas posteriores. Molière creou o seu Dom Juan ou le festin de pierre en 1665, só unhas décadas máis tarde do de Tirso. Esta versión ten ton de traxicomedia e mantén os elementos que perdurarán: o carácter frívolo e desafiante do protagonista e o banquete final coa estatua do comendador asasinado por el. Aínda así, o Don Xoán de Molière non é un personaxe totalmente negativo pois destaca a súa valentía e intelixencia.

Mozart creou en 1787 unha das súas óperas máis populares, seguindo o libreto de Lorenzo da Ponte: Don Giovanni. No seguinte vídeo vemos a posta en escena operística do convite con Don Xoán coa estatua do comendador.


O Romanticismo recuperou unha figura que posuía moitos dos ingredientes de rebeldía e individualismo que reivindicaba o movemento. Así, Lord Byron publicará o seu poema dramático Don Juan entre 1819 e 1824, que deixou inacabado. O personaxe de Byron é, máis que sedutor, seducido polas mulleres, un personaxe con escasa vontade e carácter.

O Don Juan máis popular en España foi o Don Juan Tenorio de José Zorrilla, drama romántico publicado en 1844. A súa popularidade superou ao de Tirso e na memoria popular quedan escenas e recitados como o que poñemos a continuación.




Comentarios