Este curso 2020-2021, un curso marcado pola pandemia da COVID-19, é o momento idóneo para aproximarse a unha das novelas clave da literatura contemporánea: A peste, de Albert Camus.
Camus é un dos emblemas da literatura existencialista. O existencialismo foi a resposta filosófica e estética á angustia e desamparo que se difundiu por Europa despois da experiencia traumática da IIª Guerra Mundial.
A vida deste autor foi breve, xa que morreu nun accidente de tráfico en 1960, aínda que a súa traxectoria xa era moi recoñecida, pois fora galardoado co premio Nobel no ano 1957.
A peste está ambientada na década de 1940 e narra como unha epidemia asola a cidade de Orán, no norte de África. O xeito como a poboación fai fronte á enfermidade e ao illamento, a separación dos seres queridos e os distintos modos de enfrontarse á morte son os eixos da obra. Hoxe en día esta novela cobra un significado especial para nós, pois nela podemos ver reflectidos moitos sentimentos e accións vividos recentemente durante a pandemia da COVID-19.
No seguinte vídeo mostramos o traballo realizado polas alumnas de Literatura Universal do IES Camilo José Cela no curso 2020-2021, no marco do proxecto Club de Letras. Neste vídeo ponse en relación a situación que narra a novela coa pandemia mundial iniciada en 2020.
A continuación podedes escoitar o programa Un libro una hora, da Cadea SER, onde se comenta a novela de Camus e se poñen de relevo numerosos aspectos da obra, como o seu carácter alegórico, a través do que podemos intuír unha denuncia do nazismo e a súa ameaza á liberdade nos anos 40 do século pasado.
Comentarios
Publicar un comentario