As catro óperas que compoñen a famosa "tetraloxía" de Richard Wagner (1813-1883) recrean o mundo mitolóxico, tanto da mitoloxía nórdica como da mitoloxía xermánica. Esta tetraloxía denomínase O anel dos Nibelungos, coñecida tamén como "O anel" ou "ciclo do anel". Está composta polas óperas O ouro do Rin (1854), A Valkiria (1856), Sigfrido (1876) e O ocaso dos deuses (1876).
Estas obras están baseadas tanto nos textos da épica xermánica O cantar dos nibelungos (séc XIII) como na saga islandesa Saga dos volsungos (séc. XIII). Estes dous textos teñen relación na súa orixe e na súa temática. Wagner pretende crear unha obra de arte total que ademais sexa un compendio dos mitos xermánicos e nórdicos. Hai que encadrar esta obra dentro do contexto da unificación alemá no século XIX e do desenvolvemento dunha ideoloxía nacionalista inspirada polos ideais e a estética do Romanticismo.
O dramatismo escénico e musical que imprime Wagner aos caracteres inspirados na literatura medieval xermánica pódese apreciar neste fragmento da marcha fúnebre de Sigfrido, personaxe central de toda a tetraloxía.
Comentarios
Publicar un comentario