20.000 leguas baixo os mares é unha das obras máis coñecidas de toda a colección literaria de Jules Verne. Este autor é maiormente recordado polas súas novelas de aventura. Nas súas historias, Verne relata viaxes por unha gran diversidade de lugares da terra, e en todos os casos nárraos como unha aventura. Nesta obra en concreto, utiliza unha gran cantidade de nomes científicos e tamén menciona moitos avances do mesmo campo que se estaban a levar a cabo na época.
Esta historia comeza coa subida do profesor e biólogo Pierre Aronnax ao barco Abraham Lincoln, que embarca co obxectivo de buscar e capturar unha especie de besta mariña que ultimamente está a provocar accidentes a diferentes barcos, como resultado da súa colisión con estes. Despois de conseguir encontrala e intentar darlle caza, non se consegue e debido a unha embestida do suposto animal ao buque Aronnax, o seu leal acompañante Conseil e o famoso harponeiro Ned Land rematan sendo lanzados pola borda. Estando na auga, intentan que as demais persoas a bordo do transporte vexan o que lles sucedeu e piden axuda e, ao ver que non funcionou e que o barco marcha sen eles, deciden intentar poñerse a salvo eles sós nadando ata unha illa próxima. Pero, para a súa sorpresa, danse de conta de que a superficie sobre a que estaban non era unha illa, senón un submarino que, máis tarde, informarásenos de que é chamado o Nautilus e está comandado polo capitán Nemo, “Ninguén” en latín, un personaxe moi misterioso.
Unha vez no seu interior e despois de que o capitán decidira perdoarlles a vida tras descubrir o seu gran segredo, este ensínalles as instalacións da nave, a cal é moi avanzada respecto á tecnoloxía da época, e explícalles que, tras descubrir a existencia do Nautilus, xa non pode deixarlles regresar a terra. Durante a súa viaxe por un gran número de lugares como a mítica Atlántida ou a ría de Vigo, Aronnax vive diversas aventuras e descobre moitos segredos que as profundidades mariñas gardan e que lle axudan a aumentar o seu coñecemento sobre estas. Ademais, forma unha gran amizade con Conseil e Ned. Ao final da obra, tras unha longa viaxe submarina, o profesor e os seus compañeiros deciden escapar definitivamente aproveitando un momento no que están sen vixilancia, xa que unha gran alteración se está producindo no interior da nave e o único que se pode escoitar é á tripulación repetir constantemente a palabra Maelstrom, o cal se nos explica que é un gran remuíño acuático que ten lugar nas costas das illa Lofoten, en Noruega, e que absorbe todo o que se cruza con el, xa sexan barcos ou outras cousas. A barca na que fuxían tamén é arrastrada por este fenómeno, pero dalgunha forma, Aronnax e os seus compañeiros conseguen escapar sans e salvos.
Coma xa mencionei, unha gran influencia en Verne no momento de escribir esta obra foron os grandes avances da época, nomes científicos de distintas especies, novos métodos científicos, etc. En canto á liña temporal, practicamente todo o desenvolvemento da obra é lineal, xa que os acontecementos ocorren de forma consecutiva, incluíndo datas concretas e durando a viaxe oito meses, aproximadamente. A única excepción é o principio, xa que a introdución está situada no presente de Aronnax. A repercusión desta obra foi notable polo xa nomeado, todo o pertencente ao campo científico referido durante a súa escritura.
Baixo o meu punto de vista esta obra é moi boa xa que, aínda que ten moito vocabulario do que polo menos eu tiven que buscar o significado, paréceme que o argumento é moi interesante e está moi ben elaborado, polo que ten a capacidade de enganchar á historia. Tamén é certo que a impresión de cada un sobre este libro depende do que che guste todo o que ten que ver co mar. No meu caso é algo moi irónico, xa que aínda que lle teño medo ao mar é un tema que me interesa moito, pero claro, no caso das persoas ás que non lles interesa tanto esta lectura pode chegar a facerse un pouco pesada. De todas formas eu recoméndoa moito: se tivera que puntuala do 0 ao 10, a miña nota estaría entre un 8 e un 9.
Comentarios
Publicar un comentario